Galicia é lider indiscutible en España no procesamento de algas mariñas
En 2024 poxáronse 551.831 quilos deste "tesouro verde" nas lonxas galegas, máis dun 20% por encima do dato de hai unha década
Wakame, leituga de mar, kombu, espagueti de mar ou codium están entre as especies máis vendidas das rías galegas
Mariscadores recollendo algas no mar
As rías galegas teñen unha rica e variada horta submarina con máis de 600 variedades de algas, unhas verduras silvestres comestibles que se renovan anualmente no mar. Polo tanto, un alimento estable sostible que pasou de formar parte, principalmente de pratos asiáticos, a revolucionar e ser habitual nos menús de grandes chef europeos. As algas, no seu conxunto son un produto natural cada vez máis valorado na cociña, polo seu sabor e as súas propiedades nutritivas, e tamén na cosmética.
Galicia é líder indiscutible en España e en 2024 poxáronse 551.831 quilos deste "tesouro verde" nas lonxas galegas, máis dun 20% por encima do dato de hai unha década.
Wakame, leituga de mar, kombu, espagueti de mar ou codium están entre as especies máis vendidas das rías galegas. De recollelas encárganse as mariscadoras, que van en aumento, e buscan nesta verdura submarina unha fonte de ingresos complementaria ao marisqueo.
O seu potencial gastronómico está a medrar grazas a empresas galegas como Algamar ou Porto-Muíños, que marcan o paso a nivel nacional en comercialización e innovación.
Fundada en 1996, Algamar foi a primeira empresa española especializada na recolección e preparación de algas mariñas para uso alimentario, e produce de media unhas 500 toneladas de alga fresca ao ano.
"A demanda e a aceptación polo consumidor é cada vez maior", asegura a EFE o responsable técnico de I+D, Sergio Baamonde López, que defende que "as algas xa non son un alimento do futuro, senón do presente, como fonte de saúde, sabor e innovación".
Algamar vende ao mercado europeo e estase diversificando cara a canles como o Horeca, o food service ou o gourmet con marcas como Mar de Ardora, relanzada en 2021.
Baamonde destaca que este alimento xa forma parte das escolas de hostalería de Galicia e cada vez máis chefs descobren as "enormes posibilidades" das verduras mariñas nas súas creacións.
Recollida de pepinos de mar nas rías galegas
Desde a Administración e as empresas transformadoras apostan polo cultivo sustentable das algas é unha das principais ventás de oportunidade das que xa se falou no I Congreso de Acuicultura Ecolóxica, en novembro de 2023
"Galicia está nunha zona comparable ás grandes zonas de produción, como o Xapón, e o noso papel e tamén o do Consello Regulador é potenciar esas grandes posibilidades que teñen as algas galegas", explicaba nese congreso Sergio Baamonde, responsable de I+D en Algas Atlánticas Algamar.