O Sergas contará con teleconsultas con médicos de toda España para nenos con enfermidades raras
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 na que se van investir case 400 millóns de euros nos próximos cinco anos
.png)
O Consello da Xunta aprobou este luns a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-30, na que está previsto un investimento de case 400 millóns de euros nos próximos cinco anos.
Segundo anuniciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este programa prevé reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal.
A primeira medida aprobada este luns, dentro desta estratexia, é a creación dunha plataforma para atender nenos que padecen algunha destas enfermidades a través de teleconsultas con especialistas de hospitais de toda España e evitar así longos desprazamentos. "Moitas veces os centros de referencia destas enfermidades están fóra de Galicia, e isto obriga ás familias a desprazarse simplemente para unha consulta e coa telemedicina podemos evitalo. Haberá casos nos que sexa necesario, pero noutros non", explicaba Rueda.
Esta iniciativa suporá un investimento de 1,3 millóns de euros.
A estratexia incidirá no acceso dos pacientes a terapias de rehabilitación que precisan moitos deles nas áreas de fisioterapia, logopedia ou psicoloxía.
Entre outras cousas, poñerase en funcionamento un servizo a domicilio para poder ofrecer sesións de fisioterapia aos doentes e incoporarase a "tecnoloxía robótica" nos servizos de rehabilitación.
En canto aos cribados neonatais, segundo explicou Rueda, seguiranse incrementando as patoloxías que se detectan nestas probas, que actualmente son 37, co obxectivo de incorporar 12 máis no horizonte do ano 2030.
As enfermidades raras son aquelas que teñen unha incidencia de cinco persoas ou menos por cada dez mil habitantes, e en Galicia calcúlase que son unhas 5.200 persoas as que padecen algunha destas patoloxías.