O número de falecidos en Texas polas inundacións sobe a 91
As autoridades recolleron 75 corpos no condado de Kerr, entre eles 27 nenos
Case medio cento de persoas seguen desaparecidas tras as chuvias torrenciais
O número de vítimas mortais polas inundacións no centro e sur de Texas ascendeu este luns a 91, segundo o último balance das autoridades locais. No condado de Kerr, un dos máis afectados, xa se recuperaron 75 corpos, segundo informou o alguacil Larry Leitha Jr. en rolda de prensa.
Entre os falecidos nese condado hai 48 adultos e 27 nenos. As autoridades aínda buscan outras 41 persoas desaparecidas.
Chuvias extremas e caudal récord
As inundacións afectaron o venres a rexión coñecida como Hill Country, preto de San Antonio, xusto antes dun fin de semana festivo no que a comunidade tiña previstas diversas celebracións polo Día da Independencia dos Estados Unidos.
Segundo o Servizo Meteorolóxico Nacional, en só 12 horas acumuláronse máis de 30 centímetros de chuvia, o que fixo medrar o caudal do río Guadalupe ata os 9,9 metros, o segundo nivel máis alto rexistrado na zona, preto da localidade de Hunt.
Desde a madrugada do venres, equipos de rescate e voluntarios están a percorrer as rexións afectadas en procura de vítimas: a pé, axudados con cans ou cabalos, en botes, coches todo terreo e helicópteros.
Este domingo xa comezaron cos labores de recuperación, como limpar os entullos e abrir de novo estradas.
O presidente dos EUA Donald Trump asinou unha declaración de emerxencia por desastre natural para atender as inundacións en Texas e permitir que se active a Axencia Federal de Manexo de Emerxencia (FEMA) na zona.
Trump dixo que non se desprazou rapidamente a Texas para non entorpecer os labores de emerxencia e suxeriu que viaxará á zona devastada o venres.
As inundacións devastaron a rexión coñecida como Hill Country, nos arredores de San Antonio, antes dunha fin de semana festiva en que a comunidade tiña planeada varias actividades para celebrar a festa da Independencia dos EUA.
A administración Trump anunciou plans para recortar e eliminar gradualmente o financiamento federal para FEMA coa meta de transferir as competencias aos Estados no que se refire a dar resposta a desastres naturais despois da tempada de furacáns de 2025.
De feito, a secretaria de Seguridade Nacional, Kristi Noem, xa anunciou a cancelación, con recortes que suman case 4.000 millóns de dólares, de dous programas importantes de FEMA, o de Construción de Infraestrutura e Comunidades Resilientes (BRIC) e o de Asistencia para a Mitigación de Inundacións (FMA).