Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump advirte que a gran vaga de ataques contra Irán aínda non foi, pero será pronto

Trump advirte que a gran vaga de ataques contra Irán aínda non foi, pero será pronto

O mandatario, que non descarta despregar tropas sobre o terreo, asegura que o ataque podería durar máis de cinco semanas

Israel bombardea sedes do Ministerio de Intelixencia e a Forza Quds en Teherán

Aumentan a 555 os mortos en Irán nos ataques dos EUA e Israel

Reuters
G24.gal 02/03/2026 17:34 Última actualización 02/03/2026 20:52

O presidente dos Estados Unidos presumiu este luns do éxito do seu operativo militar contra Irán e advertiu de que aínda non lanzaron a gran vaga de ataques, que podería chegar moi pronto.

Nunha entrevista telefónica coa cadea CNN, Trump insistiu en que as forzas armadas estadounidenses están a machucar os iranianos e considerou que a operación vai moi ben.

"Temos o mellor exército do mundo e estámolo utilizando. (...) Nin sequera empezamos a golpealos con forza. A gran vaga nin sequera ocorreu. A grande chegará pronto", ameazou.

Os EUA lanzaron o sábado, en coordinación con Israel, a operación Furia Épica, con ataques iniciais saldados coa morte do líder supremo iraniano, o aiatolá Alí Khamenei, e gran parte da cúpula militar.

Teherán prometeu vingar a morte do aiatolá e respondeu con bombardeos contra Israel e varios países árabes nos que Washington ten bases militares: Barhein, Xordania, Kuwait, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos.

O presidente estadounidense confesou á CNN que a maior sorpresa desta campaña foron os ataques iranianos aos países do Golfo con presenza militar estadounidense e asegurou que estas nacións agora queren loitar a pesar de que os Estados Unidos lles dixeron que teñen a situación baixo control.

"Están a loitar con agresividade. Ían participar moi pouco (no conflito) e agora insisten en facelo", agregou.

Trump, que fixo campaña en 2024 coa promesa de manter o seu país á marxe de prolongadas guerras no exterior, dixo que prevé que poida haber máis baixas estadounidenses, ata o de agora calculadas en catro militares mortos.

Preguntado sobre se a Administración está a axudar o pobo iraniano a recuperar o control do seu país e establecer un cambio de réxime, Trump respondeu cun si.

"Si, estamos a facelo. Pero agora mesmo queremos que todo o mundo quede a resgardo. Non é seguro saír aí fóra", advertiu.

Sobre a posible duración da guerra, o mandatario estadounidense asegurou na entrevista telefónica que non quere que se estenda demasiado.

"Sempre pensei que duraría catro semanas. E imos un pouco adiantados ao itinerario previsto", advertiu.

Reuters Reuters

O ataque podería durar máis de cinco semanas

Nun envento posterior da Casa Branca, non descartou unha duración maior.

"Sexa cal for o tempo, está ben, o que sexa necesario, sempre o faremos e fixémolo desde o principio; proxectabamos entre catro e cinco semanas, pero temos capacidade para ir moito máis alá diso", asegurou Trump.

O alcance e duración da chamada operación Furia Épica lanzada o sábado contra Irán é incerto. Trump dixo no evento que os obxectivos son claros: desbaratar o programa de mísiles balísticos de Irán, destruír a mariña iraniana e previr que Teherán poida obter unha arma nuclear.

Nunha conferencia de prensa previa, o secretario de Guerra dos Estados Unidos, Pete Hegseth, afirmou que esta non é unha guerra de cambio de réxime, aínda que subliñou que se conseguiu un cambio no réxime iraniano.

O xefe do Pentágono, que se negou a ofrecer un cronograma sobre os próximos pasos da operación, asegurou que esta non ten nada que ver coa invasión de Iraq de 2003, un conflito moi criticado por Trump, debido a que non será interminable.

Pola súa banda, o xefe do Estado Maior Conxunto dos Estados Unidos, o xeneral Dan Caine, asegurou que as operacións militares contra Irán están na súa fase inicial e levarán algo de tempo ata alcanzar os obxectivos, afastando a posibilidade dunha fin inminente da intervención.

A posibilidade de despregar tropas sobre o terreo e asumir as baixas que poidan darse nesta intervención son algúns dos maiores riscos que asume Trump, que se comprometeu durante a campaña a non intervir en guerras fóra dos Estados Unidos.

A poucos meses de que se celebren as eleccións de medio mandato, o próximo 3 de novembro, e do impacto negativo que poida ter para as opcións dos republicanos, segundo as últimas sondaxes, Trump sinalou que non lle importan as enquisas e que está a facer o correcto en Irán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade