Publicador de contidos

Publicador de contidos

Javi Rey, adestrador galego en Qatar: "Levamos tres días coa recomendación de non saír da casa"

Javi Rey, adestrador galego en Qatar: "Levamos tres días coa recomendación de non saír da casa"

O conflito no golfo Pérsico mantén bloqueados traballadores e turistas

O Ministerio de Exteriores calcula que hai uns 30.000 españois na zona; o espazo aéreo está pechado e canceláronse os voos a varios países

Exteriores convoca o embaixador de Irán para esixirlle que cesen os ataques a outros países

 

G24.gal 02/03/2026 14:55

Non se pode ir nin saír. Uns trinta mil españois están bloqueados na zona do golfo Pérsico, segundo os datos do Ministerio de Exteriores. Unha parte son xente que vive ou traballa alí de xeito estable pero tamén hai algúns turistas. Os ataques sobre Irán e as represalias de Teherán contra varios países de Oriente Próximo obrigaron a pechar o espazo aéreo.

Compañías de todo o mundo cancelaron os voos e aeroportos como os de Dubai ou Doha, que están entre os que teñen máis tráfico no planeta, están baleiros. Exteriores di que, agora mesmo, é imposible sacar os cidadáns españois por avión. Algún xa pasou a outros estados da zona para intentar viaxar dende alí.

"Non poden aterrar nin engalar voos e por tanto non podemos pensar en repatriar estes españois", admite o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares.

"Onte marchei de Dubai por estrada, seis horas ata Omán. Estar no vestíbulo do hotel escoitando bombas e mísiles, cento setenta en menos de 24 horas é horrible", relata na Radio Galega a santiaguesa Ofelia Hentschel.

Unha ampla zona do Pérsico permanece sen tráfico aéreo. Dalgúns países, como Qatar ou Dubai, chegan imaxes de ataques. Tel Aviv, en Israel, en cambio, parece en calma. Os galegos establecidos nestes estados tratan de manter a calma, pero a actividade está moi limitada e as advertencias das autoridades son constantes.

"Non podemos adestrarnos, estamos en alerta. Levamos tres días coa recomendación do Goberno qatarí de que quedemos nos apartamentos, que non saiamos da casa a non ser por causa de forza maior. Pero estamos ben, tranquilos, este é un país moi seguro", conta dende Qatar o adestrador ourensán Javi Rey, que chegou hai pouco ao país para traballar como asistente de Rubén Albés no Umm-Salal.

Mentres, en Galicia, distintas axencias de viaxes traballan para traer de volta viaxeiros que quedaron atrapados na zona do conflito. Dende a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi) explican que, ademais, moitas están traballando para reprogramar as rutas que tiñan previstas galegos que marcharon a Asia, xa que a maioría das escalas pasan polo aeroportos de Dubai ou Doha. Algúns poderán regresar por outros puntos ou incluso con voos directos entre a China e España, por exemplo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade