Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vaga de roubos en igrexas das parroquias rurais de Boiro

Vaga de roubos en igrexas das parroquias rurais de Boiro

Os ladróns entraron pola forza nas igrexas de San Xoán de Macenda e San Pedro de Bealo na madrugada do domingo

Levaron obxectos e xoias das imaxes, a máis valiosa a dobre coroa da Virxe das Neves de Macenda

Nos últimos días tamén houbo intentos de entrar nos templos de Abanqueiro, O Castro e Cabo de Cruz

Reixa forzada na igrexa de San Pedro de Bealo Reixa forzada na igrexa de San Pedro de Bealo
G24.gal 26/07/2023 15:50 Última actualización 26/07/2023 17:19

Os ladróns entraron na igrexa de San Xoan de Macenda na madrugada do domingo forzando a porta principal. Leváronse os cartos que había en varios petos do templo, un cáliz bañado en ouro e prata e a dobre coroa da Virxe das Neves. O párroco de Macenda, Marcelino Barros, destaca que esta peza tiña un importante valor tanto sentimental como histórico, ademáis do económico: "É de ouro, con perlas e pedras preciosas. Foi un regalo á parroquia do conde de San Alberto de Noia e hai uns anos, cando a levei a limpar a unha pratería, dixéronme que era unha xoia de gran valor, que podería superar os 50.000 euros". 

Tamén na madrugada do domingo os ladróns entraron na veciña parroquia de San Pedro de Bealo. Reventaron a reixa que protexía a fiestra da sancristía cun gato hidráulico e accederon por alí o templo. Cando o sancristán chegou esa mañá para preparar a misa do domingo atopou as portas abertas.

"Pareceume raro, polo que rodeei a igrexa e xa vin a reixa reventada pola parte de atrás. Chamei ao párroco e esperei fora a que chegara a Garda Civil para non tocar nada".

Neste caso o roubo foi de menor cuantía. "Só botamos en falta un rosario que estaba na imaxe da Virxe de Lourdes e unha cadea de ouro que había na figura da Virxe da Milagrosa. Tamén andiveron nos petos pero pouco puideron levar, porque procuramos recollelos todos os días para evitar precisamente casos coma este", di o párroco de San Pedro de Bealo, Juan Carlos Martínez. 

Nas últimas semanas tamén se rexistraron intentos de roubo na igrexa de Abanqueiro e nos santuarios do Castro e O Carme, en Cabo de Cruz, aínda que os ladróns non chegaron a entrar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade