Vaga de calor histórica en Europa para un mes de maio
No Reino Unido chegaron aos 35 graos, algo que sería excepcional incluso en pleno verán.
O episodio de calor está relacionado cun potente anticiclón que se estende dende o norte de África ata as illas británicas. Afecta a gran parte de Europa. Londres, con 35 graos; Irlanda e Bélxica, case 30, ou Portugal, con 38, que xa activou a alerta máxima por risco de incendios.
En xeral, son 10 ou 15 graos por riba do habitual para finais de maio. E os expertos coinciden: é algo moi excepcional porque ni sequera estamos no inicio do verán meteorolóxico.
E prevén que as altas temperaturas continúen toda a semana. A situación multiplicou as alertas e deixa tamén as primeiras mortes, directa ou indirectamente relacionadas coa calor. No Reino Unido faleceron 4 adolescentes en lagos e ríos. E en Francia, tamén morreron seis persoas afogadas e outras dúas mentres facían deporte.
Hoxe reúnese o Goberno, en París, para reforzar os servizos públicos e estudan suspender as competicións deportivas. O que era habitual en xullo e agosto adiántase a maio.
Tamén en España seguen subindo as temperaturas, que hoxe poderían volver a bater récord, as máximas e as mínimas. Hai nove comunidades autónomas en alerta. En Cantabria, por exemplo, a alerta é vermella, e onte xa chegaban a 37 graos en Santander. Hoxe prevense 38 en Bilbao.