Caen máis de 5.300 raios en Galicia nunha tarde de treboadas e sarabia
En Santiago mesmo obrigaron a suspender o Gozo Fest temporalmente
Este sábado había alerta e avisos por treboadas e finalmente os raios, os tronos, a chuvia e o pedrazo chegaron. Na Comunidade, caeron máis de 5.300 raios nas últimas 24 horas.
Houbo que suspender os plans de paseo, de terrazas e de tomar o sol na praia. As treboadas chegaron a numerosos puntos da comunidade. En Santiago mesmo obrigaron a suspender o Gozo Fest temporalmente.
As treboadas chegaron case sen avisar e pillaron os bañistas na praia. Os parasois convertéronse en paraugas e toallas en chuvasqueiros.
Houbo que coller as cousas rapidamente e liscar. As terrazas quedaron, en minutos, sen clientes.
A provincia da Coruña, o interior de Pontevedra, Lugo e Ourense estiveron en aviso amarelo. Mañá só hai avisos xa en parte da provincia de Lugo.