Comezan os traballos de desentullo nas zonas de Viana do Bolo afectadas polas treboadas
Na primeira fase as tarefas vanse centrar nas aldeas da Bouza, Pradocabalos, Pixeiros, para despois continuar noutros lugares afectados das provincias de Ourense e Lugo
Os equipos de Tragsa estarán traballando entre dúas e tres semanas nos lugares máis afectados de Viana
Dúas semanas despois, comezan as tarefas de desentullo e limpeza nas aldeas de Viana do Bolo asoladas polas enchentes que ocasionaron as treboadas dos días pasados.
Está previsto que ao longo desta mañá se inicien eses traballos, e a primeira hora do día os operarios organizaban os labores.
Na primeira fase, as tarefas vanse centrar nas aldeas da Bouza, Pradocabalos, Pixeiros, onde hai que retirar grandes cantidades de terra, rochas, madeira e incluso aveños.
Máis tarde, os traballos dirixíranse a outras zonas afectadas polas treboadas, tanto na provincia de Ourense como na de Lugo, pero antes deberanse aínda delimitar e cuantificar os danos.
En lugares como A Bouza, onde este martes se inician eses traballos, a forza da auga, que arrastrou pedras e árbores, levou por diante media ducia de edificacións, como palleiras, adegas e un forno comunal, e causou danos importantes en vivendas.
En Pradocabalos, o río Camba desbordouse e levou por diante todo ao seu paso, causando o pánico nos 15 veciños que viven na aldea. En Pixeiros a auga causou o corte na estrada que leva ao Castro.
Aos veciños da Bouza, a máis afectada polos efectos das treboadas, fixéronselles longas as dúas semanas de espera. Os traballos fanse con maquinaria pesada da empresa pública Tragsa baixo a supervisión dos técnicos da Deputación de Ourense.
Alomenos quitar o barro e que se poida peritar, e que, dentro da anormalidade, a xente poida levar unha vida o mais normal posible
Amais do desentullo e a recuperación das zonas de paso, o alcalde e os veciños consideran prioritario atender os problemas de salubridade, porque en moitos baixos, agora inaccesibles, había despensas e arcóns cheos de comida que desprenden mal cheiro.
Esta intervención de emerxencia é só un primeiro paso para empezar a planificar a reconstrución. O alcalde de Viana, Germán García-Ávila, di que a recuperación das infraestruturas vai levar tempo.