Un roubo na caseta de salvamento de Vilarrube deixa a praia sen servizo
Os asaltantes accederon ao interior rachando unha ventá e levaron parte do material
Desde o 1 de xullo tres socorristas miran pola seguridade dos bañistas en Vilarrube, en Valdoviño. Todos os días agás este sábado, porque un ou varios asaltantes racharon unha ventá da caseta de salvamento e roubaron parte do material de traballo.
Desapareceron, por exemplo, os walkie-talkies e o teléfono para contactar con Emerxencias. Sen os medios necesarios para prestar o servizo con normalidade, os socorristas de Vilarrube izaron a bandeira vermella.
"Ao non ter a indumentaria, porque está chea de cristais, e ao non ter os dispositivos de comunicación é moi difcíl cubrir unha praia tan grande coma esta con tan pouco material", explica Adrián Vergara, que coordina as praias de Valdoviño.
Por sorte, foi un día de praia tranquilo, con pouca xente no areal e co mar calmo. Moitos bañistas non se percataron da ausencia dos socorristas nin repararon na cor da bandeira. O servizo quedará reestablecido este domingo.