Cúmprense 15 anos do roubo do Códice Calixtino, un furto de película
Nun primeiro momento, todo apuntaba a un roubo por encarga para vendelo no mercado negro
O ladrón, o electricista Manuel Fernández Castiñeiras, foi detido un ano despois, cando tamén se recuperou o libro
Un roubo de película, así foi o furto do Códice Calixtino que esta fin de semana cumpre 15 anos.
Nun primeiro momento, todo apuntaba a un roubo por encarga para vendelo no mercado negro. E é que o seu valor calculábase en millóns de euros.
"Quen o levou sabía de que se trataba, sabía do incalculable valor e sabía como chegar a el. Ou se non o sabía, averigouno para poder chegar", asegurou José María Díaz, deán da Caetdral de Santiago, no momento do roubo.
Pero a realidade sempre supera á ficción. E a historia detrás deste suceso rematou parecéndose máis a un drama costumista que a un thriller de James Bond.
O caco resultou ser Manuel Fernández Castiñeiras, un electricista que facía chapuzas na Catedral de Santiago. Despedírono, e quixo cobrarse así a súa indemización. Ou a súa vinganza. Seica non quedara satisfeito cos máis de dous millóns de euros que collera das colectas.
Un ano despois do roubo, a Policía prendeu o ladrón e deu co Códice. Gardábao nun garaxe do Milladoiro, preto de Santiago, sen facerlle nin caso. Por sorte, o libro estaba en bo estado.
"Estaba nunha caixa con sacos de cemento, baldosíns e cousas desas ao lado. Pero estaba ben protexido. Estaba dentro de catro ou cinco bolsas de plástico", relatou Manuel García, que foi testemuña do rexistro.
O electricista foi ao cárcere. Condenárono a nove anos de prisión, pero non chegou a cumprilos. En 2019 déronlle a liberdade por padecer unha enfermidade incurable e en 2024 faleceu.
Pero se quedamos co lado positivo deste episodio, o Códice pasou de ser unha xoia máis ou menos descoñecida a aparecer nos medios de comunicación de todo o mundo.
Unha editorial acaba de sacar medio milleiro de reproducións deste tesouro en forma de libro. Pódese mercar por 2.100 euros o exemplar. O primeiro xa ten dono: o papa León XIV.