Atopan o desaparecido que se perdeu de madrugada no monte en Ourense
O home saíra ao monte a primeira hora da noite e acabou perdéndose
Durante a mañá deste domingo, uns veciños da zona saíron a súa busca na zona da Conchada
Arredor das 3:00 horas desta madrugada activouse un operativo de busca dun home que se perdera no monte en Ourense, despois de que un amigo do implicado alertara o 112 Galicia.
Segundo explicou, levaban un tempo tentando localizalo nunha zona de difícil acceso da parroquia de Palmés, en inmediacións do regato da Burata.
O home saíra ao monte a primeira hora da noite e acabou perdéndose, aínda que, como sinalaron os particulares, puido compartir as coordenadas da súa localización con eles.
Durante a mañá deste domingo, uns veciños da zona sairon a súa busca na zona da Conchada. Alí acharon ao desaparecido.
O home presentaba feridas, presunamente por un ataque dun xabaril.
Neste operativo participaron os Bombeiros de Ourense, a Policía Nacional, a Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Toén.