Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alfredo Sánchez Chacón, o Rambo galego, permanece en liberdade a pesar da última condena

Alfredo Sánchez Chacón, o Rambo galego, permanece en liberdade a pesar da última condena

Tras protagonizar varias fugas de película, Alfredo Sánchez Chacón cumpriu 17 anos por matar un mozo en 1996

Ten recurso contra unha condena de 7 anos por roubos en casas das comarcas do Eume e Ferrolterra

G24.gal 02/07/2026 13:19

Alfredo Sánchez Chacón, coñecido como o Rambo galego, foi detido por última vez en febreiro de 2022 nos montes de Valdoviño. Escapara un ano antes da prisión de Monterroso e durante meses atemorizou os veciños das comarcas do Eume e Ferrolterra. Asaltaba de noite os seus domicilios en busca de comida e non dubidaba en usar a forza.

A traxectoria delitiva de Alfredo Sánchez Chacón comezou a finais dos anos 80, xusto despois de deixar o exército. Sempre se refuxiou en fragas tras asaltar vivendas, o seu pasado militar permitiulle sobrevivir durante anos nun medio hostil, e de aí o seu alcume de Rambo.

En agosto de 1996  matou a tiros un mozo tras unha discusión nas festas patronais de Cuntis. Foi condenado a 17 anos de cadea, pero non os cumpriu ata agora porque entremedias protagonizou varias fugas de película e pasou longas temporadas levando unha vida salvaxe.

Polos últimos roubos en Valdoviño foi condenado a sete anos máis, pero o recurso presentado polo seu avogado aínda non se resolveu. Aos seus 70 anos, Rambo di que só quere vivir tranquilo e, como o orixinal, cabe supoñer que día a día.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade