Deteñen un home polo roubo nunha tenda de artigos de cannabis de Pontevedra
O aviso dun veciño facilitou a súa detención en poucos minutos, aínda coa mercadoría na mochila
Sospeitan que é o mesmo ladrón que entrou nunha tenda de lambetadas a primeiros de xuño e volveu tentalo a noite de San Xoán
O ladrillo é unha das probas do delito e gárdano case ao modo de souvenir porque o ruído contra o cristal foi clave.
"Recibimos unha chamada dun veciño avisando de que escoitara un ruído e que vira pola ventá que unha persoa fracturara o cristal dunha tenda e entrara. Despois veu como saia cunha mochila e a caixa rexistradora do establecemento", explica José Manuel González Abal, xefe da Policía Local de Pontevedra.
Hai imaxes do ladrón entrando, roubando e saíndo. Unha actuación rápida, igual de rápida que a súa detención.
"Recuperouse a caixa rexistradora co efectivo dentro porque o veciño veu incluso onde a tiraba. Localizouse a esta persoa, detívose e dentro da mochila levaba produtos que subtraera da tenda", engade o xefe da policía.
Mesmo modus operandi que noutros asaltos en negocios da cidade. O anterior nunha tenda de lambetadas, a só 500 metros camiñando.
"O 'modus operandi' é semellante. Neste caso foi un adoquín pero noutras ocasións é unha tapa de sumidoiro. Tírano contra o cristal, entran e saen con rapidez", constata González.
Roubáronlles o 2 de xuño e intentárono outra vez na madrugada de San Xoán. Desta segunda vez, sen éxito. Todo apunta á mesma persoa.
"Outra vez o mesmo suxeito volveu á tenda pero esta vez fracasou. Mesmo trouxo a pedra do mesmo material que da outra vez, polo que é o mesmo suxeito, o mesmo modo de traballar pero esta vez non levou nada", comenta aliviada Nohely Medina, a dona da tenda de lambonadas.
Na súa contra, están as imaxes. Tamén un regueiro de sangue que deixou na fuxida, e a colaboración cidadá, que a policía resalta como fundamental para frear este tipo de delitos.