Detido por roubo con forza en Ribadeo
Tras asaltar unha vivenda, un dos presuntos ladróns caeu nas vías do tren e foi evacuado nunha ambulancia
O asalto a unha vivenda en Ribadeo acabou accidentado. Sucedeu pola noite no barrio da estación, onde un vixilante de seguridade alertou de que varias persoas encapuchadas estaban a saír pola parte traseira dunha casa. Ao chegar a Garda Civil, os ladróns escaparon e un deles caeu nas vías do tren. Os axentes atopárono semiinconsciente, polo que foi trasladado nunha ambulancia ao centro de saúde da vila.
"Veu o garda da estación, preguntoume se me pasara algo e respondinlle que quedara a porta aberta. Díxome que non me preocupase, que unha persoa fora cara á estación e outra fuxira pola vía. Logo foi a onda el e estaba no chan. Viñeron unha ambulancia e a Garda Civil e foron cunha lanterna para collelo e levalo nunha padiola", relata o dono da casa, Ángel Manzano.
O acontecido preocupa a veciñanza. Para accederen ao interior da vivenda e levar un pouco de café, uns isqueiros e unhas moedas, os ladróns forzaron a porta de entrada.
"O que me colleron, que levaron nunha bolsa. Logo a Garda Civil sacoulle fotos ao contido, que era o que me faltaba. A quen llelo contei, comentáronme que vaia forma de roubar", sinala o propietario da vivenda.
Non se descarta que se produzan novas detencións en relación con este asalto. Tocante ao detido, impútanlle un delito de roubo con forza.