Calor extremo esta fin de semana en Galicia: Meteogalicia activa este domingo o aviso vermello en Ourense
Calor extremo esta fin de semana en Galicia: Meteogalicia activa este domingo o aviso vermello en Ourense
Ourense rexistrou este venres as temperaturas máis altas de Galicia, con picos de ata 40,6 grados en Vilamartín de Valdeorras
Meteogalicia activará por primeira vez este verán o aviso vermello, concretamente na conca do Miño e en Valdeorras
Galicia continúa baixo os efectos dunha intensa vaga de calor que está a afectar especialmente ao interior da comunidade. Este venres un total de 180 municipios galegos atopábanse baixo avisos amarelos ou laranxas por altas temperaturas.
A provincia de Ourense volveu ser a máis castigada pola calor. A temperatura máis alta da xornada rexistrouse en Vilamartín de Valdeorras, onde os termómetros acadaron os 40,6 ºC ás 14:50 horas.
Outras localidades ourensás tamén rexistraron valores extremos: Ourense cidade chegou aos 40,5 ºC, Rubiá aos 40,1 ºC e Verín aos 39,4 ºC.
Na provincia de Lugo, destacaron localidades como Míllara con 38,4 ºC e Xabrega con 38,2 ºC.
A provincia da Coruña, aínda que con temperaturas máis suaves, tamén viviu unha xornada calorosa. A temperatura máis alta rexistrouse en Melide con 35,3 grados.
En Pontevedra as máximas tamén foron significativas con Meder, en Salvaterra do Miño, alcanzando os 37,2 ºC e Mondariz con 36,5 ºC.

Lévase mellor na costa onde non hai avisos en ningún concello do litoral. No sur, en puntos como Vigo, Baiona ou A Guarda, as brétemas están incluso baixando os termómetros de máis.
A vaga de calor amplíase ata o xoves
A vaga de calor prolongarase ata o xoves da próxima semana. Aínda que se agarda unha pequena tregua a comezos da fin de semana, o domingo será especialmente crítico.
Por primeira vez neste verán, Meteogalicia activará un aviso vermello en Ourense, concretamente na conca do Miño e en Valdeorras, onde se poderían superar os 42 ºC, converténdose no día máis caloroso da semana.