Unha vintena de postos de todo tipo alimentan os visitantes do feiral do San Froilán
As delicias máis populares son os churros, xunto coas rosquillas ou os froitos secos garapiñados
Entre as casetas do polbo e demais negocios, máis de 200 persoas traballan na feira en postos de comida
O polbo é o rei indiscutible á hora de sentar á mesa no recinto feiral do San Froilán. Polas tres casetas poden pasar cada xornada milleiros de persoas para degustalo.
"Debe de ser que somos os novos este ano, que temos moitísimas reservas", afirma o polbeiro Javier Ferreiro, titular dunha das casetas.
Á marxe das casetas do polbo, no recinto feiral hai unha vintena de postos onde se preparan todo tipo de delicias. As máis populares son as que se ofrecen nas churrerías, algunha delas presente na feira dende hai máis de cen anos.
"O churro tradicional. Iso é o que máis se vende. Pero despois están os recheos, de doce de leite ou de crema", sinala o churreiro Pepe Vázquez.
Xunto coas patacas fritas ou as castañas asadas, as rosquillas e as garapiñadas figuran entre as lambetadas máis consumidas.
"Vendemos améndoa garapiñada, a de toda a vida, cacahuete garapiñado e pipa garapiñada", di Lola Pereira.
"Véndense moi ben as patacas, e despois os 'perritos', as 'salchipapas' e demais. en xeral, todo moi ben", engade Bea Mosteiro.
En total, estímase que hai máis de 200 persoas traballando para alimentar os visitantes do recinto feiral das patronais luguesas.
