Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 40 bares, restaurantes e hoteis participan no XX Concurso de Tapas de Lugo

Máis de 40 bares, restaurantes e hoteis participan no XX Concurso de Tapas de Lugo

Cos seus votos, os clientes dos establecementos elixen as propostas finalistas e poden resultar gañadores de distintos premios

A 'costeleta en 4 texturas' é a proposta do restaurante Tosar
Félix Aragunde 17/11/2025 20:57 Última actualización 17/11/2025 21:13

Unha falsa ostra de pescada con aire de carabineiro, esferificacións de allo negro e ovos de troita, un anaco de empanada con atún vermello e caramelo con millo frito ou unha costeleta en catro texturas con carne curada de vaca rubia galega son só algunhas das 42 propostas que se poden degustar no concurso de tapas de Lugo.

"Coa parte do lombo fixemos un tartar, cos ósos fixemos unha 'demi-glace', que é un fondo de carne moi denso, coa graxa exterior envasámola ao baleiro e cociñámola durante 16 horas para romperlle as fibras e que quede un aceite, que é onde está toda a potencia do sabor", explica José Luis Pardo, xerente do restaurante Tosar. 

O importe medio de cada tapa é de catro euros, polo que os clientes teñen así acceso á alta cociña a prezos populares. É o caso do brioche con carne de faceira elaborado na terraza do histórico hotel Méndez Núñez.

"É un pan brioche recheo de faceiras cunha maionesa de trufa e uns curtidos. A faceira estofada vai metida nun pan cunha alta porcentaxe de manteiga. A maionesa dálle un toque excelente, e os curtidos, un toque de frescor", sinala Miguel Cortés, director de eventos do hotel Méndez Núñez. 

Por se unhas tapas cumpridas non fosen de abondo, os consumidores teñen un aliciente como parte activa do concurso. Cos seus votos sairán elixidas as propostas finalistas, e con cada tarxeta de votación poden optar a distintos premios.

"Se lle gustou moito, dáche un cinco. E se non lle gustou nada, pois darache un un. Ten tamén esa graza, que eles son xurado, son os que realmente deciden as tapasn que lles gusta. Meten a votación nunha urna e entran en sorteos en que poden gañar unha cea ou unha viaxe. Está bastante ben. É un bo plan para pasar estes días por Lugo", engade o hostaleiro José Luis Pardo. 

Unha vez rematado o certame gastronómico máis importante de Lugo, e un dos veteranos en todo o ámbito estatal, un xurado profesional elixirá a proposta gañadora nesta vixésima edición do concurso de tapas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade