Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha veciña de Lugo, obrigada a acudir a unha mesa electoral malia ter que coidar do seu home

Unha veciña de Lugo, obrigada a acudir a unha mesa electoral malia ter que coidar do seu home

Desestimaron as alegacións da muller, cuxa parella sofre unha lesión medular

Félix Aragunde 18/07/2023 14:12

Dende que tivo un accidente cando viaxaba nun bus urbano de Lugo, Víctor Herrán padece unha lesión medular que o fai depender da súa muller, Mercedes Faraldo. O home, en cadeira de rodas e sen sensibilidade nos brazos, tamén é diabético, polo que necesita unha atención continua.

Víctor Herrán, padece unha lesión medular: "É ela quen me levanta, me alimenta, quen me sonda cada catro horas e quen me pon insulina cinco veces ao día, e teño que ir ao baño con frecuencia. Practicamente, precísoa as 24 horas do día".

Malia todo, o día das eleccións xerais a súa esposa deberá acudir a unha mesa como primeira vogal. Presentou as alegacións que puido, cos xustificantes médicos, para tratar de evitalo, pero a Xunta Electoral desestimounas.

Mercedes Faraldo, obrigada a acudir de vogal a unha mesa electoral co seu home: "Presentei todos os informes médicos, do hospital, da rehabilitación, do médico de cabeceira ou o de discapacidade, e non fixeron caso".

O matrimonio ten un fillo, pero traballa nun restaurante e non pode facerse cargo do seu pai. Ante esta situación, estudan emprender accións legais contra os responsables da Xunta Electoral de Lugo.

Víctor Herrán, padece unha lesión medular: "Vou falar cun avogado, porque se este señor cometeu un delito, lévoo ao xulgado. Polo menos para que lea o que se lle presenta. E se non sabe o que é un informe médico, que o asesoren".

Á parella, por tanto, non lle queda máis remedio que botar o domingo enteiro no colexio do barrio lugués de Casás.

Mercedes Faraldo, obrigada a acudir de vogal a unha mesa electoral co seu home: "Cando teña que ir, levantareime, prepararei o meu home, as sondas, a insulina e todo, e levareino comigo".

A cinco días dos comicios, agardan que a Xunta Electoral reconsidere a súa postura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade