De escalada en Estribela para ir á casa
Veciños do barrio pontevedrés usan dende hai 20 anos unha corda para subir a costa da rúa Pinal do Léon
Láianse do estado de abandono, con maleza, restroballos e cables que poñen en risco aos peóns
Os veciños de Estribela xogan a vida cada vez que soben e baixan a rúa Pinal de León. Hai vinte anos, un deles pendurou unha corda para subir a costa logo de caer a rolos, e aquí segue.
"Cre vostede que é normal que no século XXI unha persoa de 80 anos teña que subir agarrada a unha corda? E se baixo por alí, á casa da miña filla, que é a que teño, a que me coida, se me solto do cordel vou rodar á estrada e vén un coche e xa me mata", comenta unha veciña.
"Moi complicado, xa hai xente maior que tivo que marchar vivir á casa dos fillos por non poder subir a costa. A unha idade, subir por aquí custa", din outras.
A pé é un perigo, pero en coche unha verdadeira fazaña. Todos buscan solucións, impotentes, porque as autoridades non fan nada.
"Falando cos veciños, a pouco que cadaquén cedese, poderían ampliarse as beirarrúas, poñer pasamáns. E hai tres columnas pola metade da subida, que os coches, sobre todo os repartidores, ou volven por dirección prohibida ou quedan sen espellos".
Os transportistas recoñecen o complicado desta rúa: "Xa é costume. As primeiras veces foi moi complicado, de feito a miña compañera faino ao revés, pero para min é moi complicado e fágoo como podo".
Outra condutora di que o ten moito mais difícil a xente maior, que ten que subir e baixar camiñando. "Os do coche adaptámonos, tamén e verdade que os temos raiados, e dános o mesmo".
Os veciños láianse do estado xeral do barrio, con silvas e matogueiras cheas de ratos e os cables, que poñen en risco a todos. Como a esta veciña cuxo marido bateu co cable ao saír da casa:
"Colocárono sen dicirnos nada. Entou saíu meu marido, deulle no pescozo, caeu para atrás, ten 92 anos. O fillo atounos alí, e fíxense en todo iso, que é todo bicherío. Vostede non pida un taxi que lle suba e lle baixe, e para subir o gasóleo... Isto é terceiromundista", láiase outro veterano de Estribela.
As asociacións veciñais de Estribela hai anos que denuncian o estado deste barrio de Pontevedra en que viven moitas persoas maiores e con mobilidade reducida.