Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha rapaza de Carnota denuncia que se sente acosada por un home que coñecera por Internet

Unha rapaza de Carnota denuncia que se sente acosada por un home que coñecera por Internet

Coñeceu o rapaz nunha coñecida rede social e asegura que todo comezou cando decidiu deixar de falar con el

O home chama agora a locais para realizar pedidos de comida a nome dela, chama tamén a suposta vítima dende número oculto a calquera hora do día ou da madrugada para insultala, e mesmo recibiu ameazas de morte nos últimos días

G24.gal 17/09/2025 14:01

Unha rapaza de 28 anos do concello de Carnota denuncia que se sente acosada por un home que coñecera nunha coñecida rede social. Asegura que todo comezou despois de que decidise deixar de falar con el.

"Coñecino a través de Facebook e empezoume a falar. Un día decidín non volver falar con el, bloqueeino e desde aí empezaron as chamadas en oculto e os pedidos a locais de todos os sitios", asegura a suposta vítima de acoso.

O rapaz, que, segundo lle contou, ten 32 anos, realizou chamadas encargando comida a nome dela a máis de 20 establecementos de varias zonas, entre as que se inclúen Carnota, Santa Comba, Santiago, A Coruña, Vilagarcía, Boiro ou, incluso, Málaga.

O procedemento é sempre o mesmo: chama, encarga unha cantidade inxente de comida e dilles o nome e o número dela, facendo especial fincapé neste aspecto, para logo nunca ir recollela.

"Fixo o pedido, que incluía 7 hamburguesas de carne, patacas, bebida... a nome de tal, deume un número de teléfono e para as 21:00. Reiterou bastante o número, 2 ou 3 veces, e o nome da rapaza. Cando xa era hora, chamamos ao número e descubrimos que era todo mentira", comenta Domin González, responsable dun dos establecementos afectados.

Pero isto non é o único. A rapaza apunta que a bombardea a chamadas, chegando a recibir 85 en tan só media hora, e que o fai, ademais, dende número oculto a calquera hora do día ou da madrugada, e que a insulta.

"Inútil, vai fregar, que es unha muller...", conta a rapaza.

Preocupan especialmente as ameazas de morte que comezou a recibir nos últimos días.

"Agora comezou con ameazas. Ameazas como "voute matar a ti e ao teu fillo" ou "sei onde vives"", relata a suposta vítima.

A propia rapaza asegura que xa denunciou o caso ante a Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade