Milleiros de galegos visitan a Feira de Santos en Valença, que mantén viva unha tradición centenaria
Milleiros de galegos visitan a Feira de Santos en Valença, que mantén viva unha tradición centenaria
A feira comezou no ano 1758 e foi recoñecida como Patrimonio Inmaterial Cultural de Portugal
400 postos con todo tipo de produtos cobren a explanada da freguesía de Cerdal
Será por aquilo de que máis vale unha feira que sete mercados, en Valença do Minho manteñen viva a tradición de celebrar cada ano a Feira de Santos, que pasa por ser a nai de todas as feiras.
"Hai cousas típicas que só atopas aquí. Vén xente de todas partes. Hai postos de comida, hai concertinas pola noite. É un ambiente fantástico", comenta un comerciante que leva anos con posto aberto na feira.
Un evento que ten case trescentos anos de antigüidade, comezou en 1758, e no que podemos atopar de case todo. Roupa, calzado, pan, alimentos varios, produtos da horta, animais, ferramentas, etc.
"Esta feira ten un encanto que non teñen outras. Moitas cousas, moita variedade, bos prezos e a xente portuguesa que é encantadora", asegura un galego de visita na feira.
"É unha tradición que mantemos, a de vir todos os anos aquí, a ver que atopamos", engade a súa muller.
O evento agocha tradicións propias e singulares, como a dos pericos, pera pequena típica desta zona miñota, que este ano non atopamos porque o mal tempo estragou a colleita.
"Sempre a tivemos, e a xente ven a propósito a buscar os pericos, pero este ano non quedou ningún, acabaron", sinala unha vendedora sitauda na contorna da capela, onde adoitan instalar os postos de venda desta froita típica do lugar.
O día grande é o 1, o propio de todos os Santos, que se estende ao día dous, unha xornada de boa afluencia cando cadra en domingo, como é o caso deste ano. O día despois de Santos coñécese como o "día das trocas".
"O día 1 é o día grande da feira. E o día 2 é o que chamamos días das trocas, proque a xente ven cambiar o que mercou o día anterior", explica un vendendor.
Unha inmensa maioría dos clientes son galegos, que teñen nesta feira unha cita imprescindible na visita a Portugal. Non faltan, como en calquera feira que se aprecie, os postos de comida con pratos propios da zona.
"O galego é maluco polo bacallau, temos tamén polo, pero o que prefiren é bacallau", conta o responsable dunha barraca instalada na feira.
Actividades como a corrida dos garranos -un cabalo autóctono- ou a música das concertinas, completan o ambiente dunha feira que vale por unha morea de mercados.