Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vilagarcía pecha o seu tradicional Mercado das Flores para o Día de Defuntos

Vilagarcía pecha o seu tradicional Mercado das Flores para o Día de Defuntos

Xuntou unha decena de floristas e vendedores de colleita propia durante tres días e medio

O día de máis vendas foi o venres e a flor máis demandada o crisantemo

G24.gal 01/11/2025 13:45

As datas que rodean o Día de Defuntos constitúen unha das épocas de venda de flores máis importantes do ano.

Para favorecer a actividade comercial do sector e facilitarlles as compras aos clientes que queren adornar as sepulturas dos seus defuntos, Vilagarcía monta sempre neste tempo o seu Mercado das Flores.

Desde o mércores e durante tres días e medio, unha decena de floristas e vendedores de colleita propia xuntáronse para despachar flores soltas, centros e ramos.

"Para min este ano foi mellor que o ano pasado. Quedoume menos mercadoría. Vendín máis", afirma unha das vendedoras.

O venres foi o día con máis público e con máis vendas, pero na mañá deste sábado, antes de se pechar o mercado, aínda había bastante movemento e non só de compras para defuntos.

"Eu xa teño as flores postas pero faltábame a planta que sempre lle poño abaixo, porque son catro nichos da familia, e vin a última hora a collela", explica unha compradora.

"No meu caso veño por un agasallo, non é para levarlle aos defuntos, pero paréceme moi ben que haxa esta variedade de flores para as persoas que queren levarllas os seres queridos que xa partiron", conta outra muller.

A variedade é ampla e os gustos van cambiando, pero hai flores que sempre gañan a partida nestas datas.

"O crisantemo é o que máis se vende nestas datas. É o típico para os defuntos, aínda que tamén as margaridas, algún lirio e despois a rosa. A rosa sempre é a estrela das flores", asegura unha das vendedoras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade