Decenas de cabazas xigantes nunha horta de Lugo
As cucurbitáceas, que pesan un quintal, chegan a medir preto dun metro de perímetro ou de lonxitude
Avelino e María Elena levan xa moito tempo cultivando cabazas, pero ata o momento ningunha colleita foi tan portentosa coma a deste ano. Aínda que plantaron as mesmas sementes de sempre, desta volta non pararon de medrar os froitos ata achegarse a un metro de perímetro ou de lonxitude e acadar os cen quilos de peso.
"Moi grandes, moi boas e moi sas. Todo o mundo aquí de arredor que as viu di que é incrible, cunha terra con cabezas coma estas, case todas por un igual e as que hai", sinala Avelino Gallego, dono da horta.
As plantas foron fertilizadas polos seus donos co esterco do seu propio cebadeiro de becerros. O seu destino será cebar os cochos deste ano e alimentar os bacoriños do ano vindeiro.
"Estas cabazas son para cebar os porcos para a matanza, nada máis. Nós aos tenreiros e iso non lles damos. Só llelas damos aos cochos", afirma María Elena Carreira, dona da horta.
"O fertilizante é o de todos os anos, traído dun cebadeiro de tenreiros, que sempre se trae un camión del. E despois esténdese na terra, frésase todo, fertilízase a horta, coas cabazas, coas patacas e con todo canto hai na horta", engade Avelino.
Iso si, por mor da seca este verán houbo que regar as cabazas. E tamén as sandías, que mesmo chegaron a superar os 25 quilos de peso.