Os cemiterios amosan a súa mellor cara nas xornadas previas ao día de defuntos
As familias aproveitaron a ausencia de choivas para adecentar os nichos
Os fregueses sinalan a suba do prezo das flores aínda que moitos aproveitan e traen as da súa horta
O de Iria Flavia, en Padrón, é un deses cemiterios onde as flores e as candeas crean un ambiente especial o día de defuntos. Pero ata esa efeméride, moitos son os fregueses que acoden ás tumbas para limpar e arrombar os estragos do paso do tempo.
"Hai que vir limpar, que despois se vén a choiva poñémonos como sopas", comentan algúns dos asistentes.
Con defuntos tan ilustres como Camilo José Cela ou Rosalía, que permaneceu soterrada temporalmente neste camposanto durante media década, os fregueses acoden solícitos por estas datas a cumprir coa tradición, provistos con cepillo, produtos de limpeza e moita paciencia.
Para outros devotos, xa é unha práctica habitual, polo que teñen moito adiantado.
"Veño case todos os domingos a traerlle flores. Se ten unha herba voulla sacando e os días que vexo un pouco tamén lle dou un repasiño", sinala unha das veciñas que avía as tumbas dos seus falecidos.
Un ano máis o prezo das flores é un dos temas máis recorridos, aínda que para sortear a inflación, nada mellor que dispor de produción propia de ornamentos vexetais.
"Eu flores téñoas eu. Non sei se van caras ou baratas. Merco as plantas e cultívoas na horta", confesa unha freguesa.
Esta fin de semana moitos aproveitaron a ausencia de choivas para adiantar os traballos de limpeza. O día de defuntos, xa só esperan, que tampouco chova e poidan homenaxear os seus co máximo merecemento.