Golpe contra a venda ilegal de medicamentos por Internet con 22 detidos en varias cidades, entre elas A Coruña
Golpe contra a venda ilegal de medicamentos por Internet con 22 detidos en varias cidades, entre elas A Coruña
O grupo delituoso falsificaba receitas médicas para adquirir medicamentos susceptibles de seren mesturados con droga
Aos detidos impútanselles delitos contra a saúde pública, organización criminal e falsidade documental
A Garda Civil, na operación Grecofar, detivo a 22 persoas pertencentes a unha organización dedicada á venda ilegal de medicamentos por Internet. Adquirían estes medicamentos con receitas falsas. Grazas á investigación puido determinarse que estes medicamentos eran comunmente utilizados para o consumo de drogas. Aos detidos impútanselles os supostos delitos contra a saúde pública, organización criminal e falsidade documental.
A operación arrincou ao detectarse unha gran cantidade de psicotrópicos nunha empresa de paquetería en Benavente (Zamora), o que levou aos axentes a identificar receitas privadas dun mesmo colexiado, que resultaron ser falsas pois este non as elaboraba senón que un 'hacker' se fixo coa súa identidade para facelas e vendelas.
O medicamento prescrito úsase no consumo de drogas e é habitual que se transporte ao norte de África para mesturalo con haxix e elaborar 'karcubi', coñecida como a droga dos pobres, explica a Garda Civil nun comunicado.
Unha vez detida a persoa que se dedicaba a elaborar e posteriormente vender as citadas receitas médicas, localízase o seu principal colaborador, quen se encargaba de vender as receitas a través de aplicacións de mensaxería. Ademais, identifícanse ás coñecidas “mulas económicas”, titulares das contas bancarias onde se recibía o diñeiro obtido das vendas.
De maneira paralela identifícase a un veciño de Majadahonda (Madrid), o cal realizaba unha gran provisión de medicamentos, vendidos posteriormente de maneira ilícita por redes sociais, sendo vinculados gran cantidade de usuarios finais das receitas médicas.
Detencións en varias cidades, entre elas A Coruña
As investigacións finalizan con rexistro domiciliario en Majadahonda onde a Garda Civil incautou gran cantidade de medicamentos, substancias estupefacientes, receitas e selos médicos falsificados, ademais de material informático.
En total, as detencións dos implicados tiveron lugar en Alacante, A Coruña, Ávila, Barcelona, Burgos, Baleares, Granada, Madrid, Málaga, Salamanca, Santander, Valencia e Biscaia.