Unha protectora de Vigo busca axuda para manter aberto o refuxio de cans
Comezou hai sete anos con máis de vinte colaboradores para o coidado dos cans, agora só hai seis
Sen axudas públicas, só se financia con doazóns e un mercadiño, e se non atopa voluntarios tería que pechar
O refuxio abriu hai máis de sete anos e despois de pasar por varias ubicacións en Salceda e Vigo, asentáronse definitivamente nunhas instalacións alugadas na parroquia de Castrelos. A protectora chegou a contar coa axuda de vinte voluntarios, hoxe en día son menos da metade.
"Activos, agora só contamos con seis. Pero sendo o traballo de luns a domingo, con dúas quendas ao día, precisamos un mínimo de catorce persoas. E aparte o voluntariado, porque non pode estar unha soa persoa. Por desgraza agora temos poucos cans, porque non podemos asumir máis", comenta Ana Iglesias, presidenta da protectora de animais Tú eres nuestra ayuda.
A protectora iniciou unha campaña en medios e redes para captar axudantes. Almudena respondeu á chamada.
"Entereime da noticia polo Faro de Vigo e aquí estou. Animeime agora, porque teño tempo, teño as tardes libres e tamén necesitaba axudar. Xa que non podo con diñeiro, polo menos dou o meu tempo", afirma Almudena, voluntaria que acaba de incorporarse ao proxecto.
Pero fan falla máis persoas e tamén máis cartos, porque custa moito alimentar, limpar, darlle asistencia veterinaria e, sobre todo, agarimo a estes animais abandonados.
Carecen de axudas públicas e van tirando de padriños particulares, doantes e algo que venden nun mercadiño. Agora só poden atender cinco cans, así que, se a cousa non mellora, terán que pechar.
"Estamos abocadas ao peche. Se a situación non mellora, teremos que pechar, porque é demasiado traballo se non contamos con axuda", admite a presidenta da protectora.
O malo é que a lista de animais que agardan por un refuxio non para de medrar. E non hai mans para cubrir tanta necesidade.