Publicador de contidos

Publicador de contidos

As mascotas son bendecidas con motivo do día de Santo Antón, patrón dos animais

As mascotas son bendecidas con motivo do día de Santo Antón, patrón dos animais

O ritual celébrase case 17 de xaneiro en moitas parroquias de toda Galicia

G24.gal 17/01/2026 15:47

Durante o seu retiro no deserto, Santo Antón conviviu en harmonía coa natureza e cos animais. Cada dezasete de xaneiro, son moitos os fieis católicos que buscan a súa protección na tradicional bendición de mascotas que se realiza en moitas parroquias galegas. A de Conxo fíxoo este ano por primeira vez.

Oliver é a cría máis delicada dunha camada de gatiños rescatada da rúa. "É mudo, non ten voz. Ten problemas respiratorios e estamos tratándoo na casa", explica a muller que o ten en acollida.

Foi un dos animais bendecidos na igrexa de nosa señora da Mercé de Conxo. A parroquia compostelá incorpora a tradición á súa axenda de xaneiro por primeira vez.

"Con moita ilusión porque a natureza e os animais sempre nos falan e nos achegan a Deus". di Tomás García, párroco de Conxo.

Cans, gatos e tamén algún paxaro  achegáronse ao templo buscando o amparo de Santo Antón. Os seus humanos quixeron celebrar así o día do patrón dos animais como expresión de amor, e de agradeCEmento, pero tamén como recordatorio de compromiso e responsabilidade.

Na parroquia carballesa de Noicela recuperaron o ritual da beizón en 2023 e cada ano son máis as veciñas e os veciños que levan os seus animais á misa, lugar inesperado de socialización animal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade