Un raio fulmina catro vacas en Baltar
As vacas estaban preñadas e o seu propietario valora as perdas en 20.000 euros
Acubilláronse debaixo dun carballo por unha treboada pasaxeira e o alustro calcinounas
O raio fulminou as catro vacas, preñadas, que buscaran refuxio ao pé dun carballo por unha treboada pasaxeira. Por sorte, o gandeiro non estaba, salvouse. Avisouno un veciño cando as viu xa mortas.
David Pérez Rego ten en total 158 cabezas, vacún en extensivo polos montes de Baltar, que vende na súa maioría ao mercado de carne de Silleda. Hai dez anos que se dedica á gandería tras quedar coa explotación dos seus pais. Valora cada vaca nuns 5.000 euros. Nunca levara tal pau.
Xa onte pola tarde un perito do seguro agrario que ten estivo aquí, pero o propietario dos animais sospeita que non lle van pagar o valor real das vacas. Un alustro mortal para estas catro vacas e as súas crías que, sen dúbida, é a noticia da Boullosa por moito tempo.