As cegoñas regresan máis pronto cada ano
Faltan 20 días para o San Brais, pero as cegoñas xa levan semanas de volta en Galicia
Aseguran os observadores que cada ano chegan antes, e confírmano tamén os veciños da Limia, onde está unha das maiores colonias do país
"Antes só viñan polo San Brais. Dicían: se non veñen polo San Brais, ou morre o rei... contos dos vellos. Pero este ano hai por aí dous meses que xa están aquí, ou máis". "Eu creo que algunhas non saen de España", comentan dous veciños de Xinzo e Maceda.
Madrugan tanto que ultimamente xa pasan aquí o Nadal. "Marcharon cando foi no tempo pero viñeron enseguida. Debe ser que alá andan coas bombas e viñeron", explica María, unha veciña de San Pedro de Laroá, onde está a coñecida como a avenida das cegoñas. "Como aquí en ningún sitio. Será porque está o San Pedro e ábrelles as portas!", ri.
Hai unha ducia de niños ao longo da estrada e as cegoñas dedican boa parte do día a acondicionar o fogar, para o nacemento dos polos.
"O que traballan! Carrando tanto guizo na man!". "Veñen e reparan a súa casiña, como é normal. Está mollada do inverno e van reparando ata febreiro, cando empezan a asentar para poñer o ovo", din María e Manuel.
Manuel é de Maceda e leva anos traballando na protección das cegoñas nesta zona onde, hai unhas décadas, apenas se vían. "Empezamos no 97 con catro ou cinco parellas e hoxe temos 56", explica.
Observar as cegoñas, as súas rutinas e a maneira en que se relacionan entre elas é todo un pasatempo para os veciños destas zonas e tamén para moitos outros que veñen de pé feito para velas.