Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha muller dirixirá por vez primeira a Universidade de Vigo: Carmen García e Belén Rubio pasan á segunda volta

Unha muller dirixirá por vez primeira a Universidade de Vigo: Carmen García e Belén Rubio pasan á segunda volta

Carmen García Mateo e Belén Rubio irán á segunda volta do proceso electoral despois de que este mércores ningún dos tres aspirantes superase o 50% de voto ponderado

García Mateo: "A comunidade universitaria quere cambio"

Rubio confía en mellorar o resultado na segunda volta, da que queda fóra Jacobo Porteiro, o candidato menos votado

Belén Rubio, Jacobo Porteiro e Carmen García Mateo. Universidade de Vigo Belén Rubio, Jacobo Porteiro e Carmen García Mateo. Universidade de Vigo
G24.gal 06/05/2026 20:45

A Universidade de Vigo terá por vez primeira na súa historia a unha reitora.

​​​​Carmen García Mateo e Belén Rubio xogaranse o cargo na segunda volta do proceso electoral despois de que este mércores ningún dos tres aspirantes superase o 50% de voto ponderado.

A xornada electoral, á que estaban convocados 21.226 membros da comunidade universitaria, desenvolveuse en 27 mesas distribuídas nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra e, da terna de aspirantes, o candidato Jacobo Porteiro quedouse fóra da carreira por suceder a Manuel Reigosa, quen conclúe dous mandatos consecutivos.

Co 100% do voto escrutado (4.530 votos, incluídos en branco), a catedrática Carmen García Mateo, que encabeza a candidatura de Nós Universidade, foi a máis votada, co 40,29% (1.781 votos), mentres que Belén Rubio (H2040) quedou co 33,91% (1.499 votos) e Porteiro (Consenso), co 25,81% (1.141 votos).

A participación superou o 86% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente -51% de peso no voto ponderado-; rozou o 59% do persoal docente e investigador -9% de voto ponderado-; o 83% do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos -15% de voto ponderado-, e quedou en algo máis do 13% dos 18.253 estudantes censados -25% de ponderación-.

A maior diferenza entre as dúas candidaturas máis votadas estivo no persoal técnico, de xestión, administración e servizos, onde García Mateo superou en 237 votos a Rubio.

García Mateo: "A comunidade universitaria quere cambio"

A catedrática de Nós Universidade non ocultou a súa satisfacción polo resultado da xornada electoral e afirmou que a "comunidade universitaria quere cambio".

García Mateo, que segue sen dar a coñecer o nome da persoa que se fará cargo da xerencia, expresou o seu desexo de gañar na segunda volta para asumir a dirección da UVigo e destacou que a forza está "no proxecto".

Ao longo da campaña electoral defendeu un modelo de liderado baseado na escoita, a transparencia e o rigor. O seu proxecto preséntase como un paso "do minifundismo ao proxecto común", cunha xestión eficaz e un goberno de proximidade.

García Mateo sitúa o capital humano no centro do seu programa e propón reforzar a cohesión institucional, substituír a improvisación por planificación estratéxica con rendición de contas constante e fortalecer a influencia social e científica da universidade

Rubio confía en mellorar o resultado na segunda volta

A candidata da plataforma H2040, a mesma que impulsou os dous mandatos de Manuel Reigosa, resaltou o dinamismo dunha Universidade "viva" e dixo que asume o resultado con "certa prudencia" e responsabilidade, á vez que se mostrou disposta a "tender pontes" coa candidatura que quedou eliminada e "mellorar o resultado" na segunda volta.

Ela conta con 24 anos de experiencia en cargos de xestión e defende un modelo de goberno “moderno e próximo”, baseado na descentralización dos campus, cunha autonomía real.

O seu programa inclúe corenta compromisos, entre eles a mellora das condicións laborais, a redución da burocracia e a simplificación da xestión da investigación mediante un portelo único. Avoga por unha universidade pública, feminista, inclusiva e igualitaria, coa área de igualdade asumida directamente polo reitorado.

Porteiro admite que non é o que esperaba

Fóra da carreira electoral quedouse Jacobo Porteiro (Consenso), quen admitiu que "non son os resultados que esperaba".

O catedrático recoñeceu que prevía recibir "máis apoio" da comunidade educativa, á vez que desexou unha "segunda volta tan limpa e construtiva como a primeira".

Como xa se prevía, o vindeiro venres 15 de maio decidirase quen vai dirixir a Universidade de Vigo durante os seguintes seis anos e o seguro é que será, por primeira vez, unha muller, como tamén pasou na Universidade de Santiago de Compostela este ano. 

O vindeiro 15 de maio máis de 21.000 persoas, entre traballadores, docentes e estudantes, volverán ás urnas para decidir quen será a reitora da Universidade de Vigo nos próximos 6 anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade