Un de cada catro cans adoptados en vésperas do Nadal é abandonado
En España abandónanse 33 animais cada hora, as canceiras non dan abasto; os gastos de veterinario, hixiene ou alimentación superan os 400 euros
Á hora de adoptar un animal é necesario coñecer as responsabilidades que isto implica, "teñen sentimentos e son parte da familia"
Para informar de casos de abandono animal: 112, 062 ou 091
A mascota é o agasallo perfecto sempre que sexa unha decisión pensada, meditada e informada. Non son xoguetes, e moitos adoptan ou mercan un can sen pesar na responsabilidade que supón. E os datos están aí: máis do 16 % dos cans adóptanse antes do Nadal, e un de cada catro abandónanse despois das festas.
Pedro Estévez Vila, Veterinario clínica Ars Canis, di que "o máis importante é informarse previamente de cales son os nosos hábitos de vida, e cal é a mascota que máis se afai a eles, onde vivimos, o tempo que temos, e mesmo os cartos que temos, para que despois non haxa sorpresas e sexa un despropósito".
Os números arrepían: En España abandónanse 33 animais cada hora, e as canceiras non dan a basto. Os gastos de veterinario, hixiene ou alimentación superan os 400 euros.
"Os rapaces que queiran mascotas, se verdadeiramente están preparados para ter mascotas, adiante, pero hai que saber que hai coidalos é que son unha responsabilidade, porque ao final son un ser vivo" opina unha cidadá.
"Os animais ao final tamén teñen sentimentos, e son parte da familia. Coller agora un can ou un gatiño porque é pequeniño e faiche gracia..., pero claro, rompen cousas, pórtanse mal, hai que educalos, e crecen... iso hai que telo en conta", comentan.
A experiencia dos que adoptaron unha mascota permítelles falar da responsabilidade que implica: "Os animais non son xoguetes, e a parvada que teñen os pais de regalarlle ao neno un cadeliño do que non se van facer cargo, pos para iso non os collas. Eu téñoo de toda a vida, e aí segue comigo ata o día que marche".
Porén, en caso de adoptar un animal, é necesario ter a responsabilidade de facerse cargos seus coidados. "O regalo estrela pode ser o animaliño, a mascota, pero se ao final, por unhas vacacións, unha enfermidade dun fillo, ou polo que sexa vai acabar tirado na rúa, non paga a pena, que lle regalen mellor un coche teledirixido".
Malia que nos fogares xa hai máis mascotas que fillos, aínda son demasiados os que asumen a cegas unha responsabilidade que vai moito mais aló dun agasallo de nadal.
Contacto
O abandono animal é un delito, para denuncialo pódese chamar ao 112 (emerxencias) se é urxente, ao 062 (Garda Civil) para zonas rurais, ou 091 (Policía Local) para cidades.