Unha nena de dous anos morre electrocutada nunha atracción de feira en Murcia
A nena recibiu unha descarga eléctrica nunha cama elástica no recinto feiral de Alquerías
A descarga eléctrica provocou tamén feridas a outra nena de oito anos e a dous nenos de 11 e 12, asistidos no lugar do accidente
Unha nena de dous anos faleceu este domingo ao recibir unha descarga eléctrica nunha cama elástica do recinto feiral da poboación murciana de Alquerías, que estes días celebra as súas festas patronais.
O suceso, ocorrido a medianoite por causas que investiga a Garda Civil, provocou tamén feridas a outra nena de oito anos e a dous nenos de 11 e 12, asistidos no lugar do accidente polos servizos sanitarios e trasladados ao hospital polas súas familias.
A pequena, que faleceu tras unha hora de intentos infrutuosos de reanimación, quedou inconsciente tras recibir a descarga, segundo informou o Centro de Coordinación de Emerxencias.
O lugar do suceso é un pequeno recinto feiral, cunha instalación de camas elásticas, outra de coches de choque e unha terceira para un tren infantil, situado nunha chaira xunto ao centro de saúde de Alquerías, unha pequena poboación duns 6.000 habitantes.
A Garda Civil precintou as camas elásticas e a súa unidade xudicial atópase desde primeira hora da mañá tomando declaración a traballadores e testemuñas, e tentando determinar se a conexión da atracción á rede eléctrica era a correcta ou se houbo algún fallo que levou á descarga.
Trátase, segundo fontes próximas á investigación, de determinar se existen responsabilidades penais no ocorrido.