Arde a vivenda dunha muller de 88 anos en Paradela de Abeleda, Porqueira
O lume iniciouse na peza onde dorme a anciá, na primeira planta da casa
Placeres, a dona da casa, estaba na planta baixa vendo a televisión e non se deu conta de nada ata que lle faltou a luz
A sospeita é que puido ser un curtocircuíto o que orixinou o incendio
Un incendio calcina a vivenda dunha muller de 88 anos que vive soa na parroquia de Paradela de Abeleda, no concello de Porqueira. A sospeita é que puido ser un curtocircuíto o que orixinou o incendio.
O lume iniciouse no dormitorio da muller, na primeira planta da casa, cando ela estaba vendo a televisión na sala da planta baixa. Xa era medianoite e de pronto faltou a luz e apagouse o televisor, polo que a muller decidiu ir para a cama. Subiu á primeira planta polas escaleiras interiores da casa, que tamén ten unhas exteriores; cando abriu a porta para entrar no piso superior foi cando xa se atopou con que todo estaba cheo de fume e se vían as lapas.
A dona da vivenda, que se chama Placeres, escapou escaleiras abaixo cara á horta que ten na parte traseira da casa. Pero a horta está pechada con arame polo que non podía saír dela para pedir auxilio. Desde alí berrou ata que a escoitaron e os veciños viñeron cortar o arame ao tempo que chamaban a Emerxencias de Galicia.
Axiña chegou o GES de Muíños, os bombeiros de Xinzo e a alcaldesa de Porqueira. Cando chegaron, os veciños xa tiñan arrefriada a casa por fóra para que o lume non se espallara, utilizaran as bocas de incendio que o Concello de Porqueira ten instaladas.
Os bombeiros axiña remataron de apagar o incendio e puideron evitar que se espallase. Salvouse a casa e o que ardeu foi a primeira planta onde están as dormitorios e a cociña.

A planta baixa, onde está a sala, puido salvarse pero está moi afectada pola auga que lle caeu desde arriba, a utilizada para apagar o incendio.
A dona da vivenda foi pasar a noite cunha prima que lle queda na aldea. A primeira hora desta mañá chegaban os dous netos, un mozo e unha moza, que son á única familia que lle queda a Placeres. Ela recibiunos cos ollos inchados de non durmir ben pola noite e sobre todo de chorar.
A Placeres volve tocarlle ser forte para saír pra diante. Agora cómpre organizar como vai ser o resto da súa vida.
.jpeg)