O incendio de Lindoso arrasou xa 4.000 hectáreas e está a só 3 km da fronteira con Galicia
As lapas puxeron xa en perigo varias aldeas portuguesas do parque do Gerês
En Lobios están moi pendentes do incendio de Lindoso, que leva arrasadas preto de 4.000 hectáreas do Parque Nacional Peneda Gerês e xa puxo en perigo varias aldeas portuguesas. O lume está a tan só 3 quilómetros da fronteira.
O vento e a complicada orografía dificultan moito a extinción e esta noite os servizos de emerxencia tiveron que desaloxar outras catro aldeas de Ponte da Barca. O incendio comezou o sábado pola noite en Parada de Lindoso; foron capaces de pór a salvo as vivendas, pero non varios animais.
Toda a noite estiveron forestais de Medio Rural traballando nun cortalumes para tentar evitar que pase ao Xurés. Dependerá do vento, arestora tira para o sur, o que favorece o concello de Lobios, que se mantén en alerta.