O baixo nivel de caudal do río Lérez leva o Concello de Pontevedra a recomendar moderar o consumo de auga
O baixo nivel de caudal do río Lérez leva o Concello de Pontevedra a recomendar moderar o consumo de auga
A alcaldesa, Eva Villaverde, informou da escaseza de auga na conca do Lérez, cun caudal que se situou en 1,70 metros cúbicos por segundo

A Xunta do Goberno local do Concello de Pontevedra aprobou diversas recomendacións para moderar o consumo de auga, ante o baixo nivel de caudal do río Lérez.
Segundo informou en conferencia de prensa a alcaldesa accidental, Eva Villaverde, estas medidas son unha previsión ante a escaseza de auga na conca do Lérez, cun caudal que se situou en 1,70 metros cúbicos por segundo.
"Non se prevé a curto prazo que poida chover, máis ben todo o contrario", subliñou Eva Villaverde.
A alcaldesa asegurou que o abastecemento está garantido neste momento a todos os municipios que teñen captacións no Lérez, pero indicou que fai falta concienciar a poboación sobre o seu consumo diario para asegurar o aforro de auga e o uso racional deste "ben escaso".
A Xunta de Goberno Local acordou recomendar á cidadanía e ás empresas e entidades sobre a necesidade de facer un "uso sostible da auga".
Pide que non se use a auga apta para consumo humano para encher piscinas particulares, regar xardíns ou para a limpeza de coches particulares.
Consumos municipais controlados
O Concello tamén anuncia que moderará os consumos municipais (baldeos das rúas, regas de xardíns, peche de fontes ornamentais, e outras medidas).
Ademais, recomendan a instalación de dispositivos de aforro doméstico así como doutras medidas para evitar o uso innecesario da auga, tales como a utilización de sistemas de aforro de auga nas billas, pechar a billa durante o cepillado ou empregar a ducha en lugar do baño.
"Parecen cousas sen importancia, pero temos que ser conscientes de que non somos nós sós os que empregamos a auga", destacou a dirixente municipal.
Petición ás empresas
O Concello tamén insta as empresas e industrias a "minimizar o consumo" e a un "uso razoable" da auga do abastecemento municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación.