A familia do motorista morto no Rosal pide que o condutor implicado volva ao cárcere
Temen que o acusado poida fuxir do país, igual ca fixo do lugar do accidente, porque ten unha capacidade económica relevante

A acusación particular da nai de Brais Otero, o mozo do Rosal que morreu cando colidiu coa súa moto contra un automóbil que ía polo carril contrario, recorreu para solicitar que o condutor do choque mortal regrese a prisión. Temen que o acusado poida fuxir do país, igual ca fixo do lugar do accidente, porque ten unha capacidade económica relevante.
Fermín Martínez, o condutor do vehículo que matou a Brais Otero, está libre na rúa despois de aboar en menos de 24 horas a fianza de 150.000 euros que estableceu o Xulgado de Instrución número 2 do Porriño. A acusación particular que representa a nai do falecido presentou un recurso para solicitar a súa volta a prisión ou unha fianza mínima de 700.000 euros:
"No recurso solicitamos ingreso en prisión incondicional, motivado porque é unha persoa, o imputado, sen arraigamento ningún en España, seus pais faleceron, non está casado, ten un poder económico moi importante, si detectamos que é administrador dunha sociedade limitada que xestiona un pub-discoteca no porto de Mazarrón, en Murcia, leva unha vida moi ostentosa, Rolex, aquí en Vigo durmiu en hoteis de luxo, comidas importantes, el mesmo declarou en sede xudicial que os seus ingresos superaban os seus gastos de sobra", di Carlos Pérez Parga, avogado da acusación particular.
O acusado fuxiu do lugar do accidente sen avisar, marchou a Murcia e non se entregou ata unha semana despois, tras falar cos seus avogados. A gran capacidade económica demostrada co rápido pago da fianza, unida aos seus numerosos antecedentes por delitos contra a seguridade viaria fan temer á acusación particular a posibilidade de que volva fuxir.
"Numerosos antecedentes penais polos mesmos motivos, con xestión de circulación, e entendemos que con 25 anos, con eses antecedentes, con esa reincidencia, por moito que teña que presentar, que consignar o seu pasaporte e non poida saír do país de forma legal, podería eludilo doutras formas, sen ningún xénero de dúbida".
"A súa nai por encima de todo quere que se faga xustiza. Defenderemos os seus intereses coa maior dilixencia posible e aquí a causa penal terá, presuntamente unhas condenas, subsidiaramente unha responsabilidade civil, e que se faga xustiza é o que queremos", engade Parga.