O primeiro co-housing en funcionamento en Galicia estará en Friol e abrirá no outono do 2028
Nestas comunidades os seus usuarios dispoñen da súa casa privada pero comparten espazos como comedores, ximnasio ou un horto
Este modelo residencial, que aposta polo envellecemento activo e sen soidade, está moi estendido nos paises nórdicos
Vivendas accesibles, rodeadas de natureza, onde un conserva a indenpencia pero escapa da soidade. É o proxecto de vivendas colaborativas que estarán funcionando en Friol no outono do 2028.
"O noso proxecto é outra forma de vivir, contaremos cunhas vivendas privativas de uso particular e logo uns edificios cos servizos comúns", explica José Manuel Díaz, presidente da cooperativa Lar do Regueiro que promove o proxecto de cohousing senior.
O proxecto conta con salas de talleres, o ximnasio, e o comedor e cociña comunitaria.
"É moi boa idea que a comida sexa obrigatoria no comedor porque é unha maneira de socializar, de controlarnos uns a outros, se estamos ben, tristes, contentos", conta unha muller interesada no proxecto.
E o apoio mutuo e a vida social activa dúas das ventaxas de vivir neste tipo de comunidades.
"Para min é a forma ideal de pasar unha vellez digna, con independencia, con coidados, con supervisión e sendo nós mesmos", explica outra muller interesada no proxecto.
O cohousing senior é a mestura de vida indenpendente e compartida. Un modelo residencial orixinario dos paises nórdicos.
"Vai encamiñado un pouco no novo modelo que temos nós de coidados en Galicia, que pretende empezar xa na predependencia, collendo todo o proceso de envellecemento dos usuarios", explica Antón Acevedo que é o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
Para o concello outro xeito de asentar poboación.
"Será un revulsivo social e económico", di o alcalde de Friol, José Ángel Santos.
O proxecto arranca con doce, dez delas xa comprometidas, pero o obxetivo é chegar ás 90.