Chantada acolle as Primeiras Olimpíadas Galegas para o Envellecemento Saudable
Máis de 200 persoas maiores de 65 anos de toda Galicia participaron neste evento lúdico-deportivo
A iniciativa xurdiu da sociedade Galega de Xerontoloxía e conta coa colaboración de diferentes asociacións, o Concello de Chantada e a Xunta
O obxectivo é promover a actividade física e a participación social ao longo de toda a vida
O exercicio físico e mental ao longo da vida axuda a chegar a vellos e a vellas con máis saúde. E para axudar a concienciar da importancia do envellecemento activo, máis de duascentas persoas participan nunha competición que combina deporte, exercicio mental e convivencia. O concello de Chantada xunta varias xeracións nas primeiras Olimpíadas Galegas do Envellecemento Saudable. Un evento pioneiro en Galicia e España.
Os máis rápidos van correndo 200 metros a toda velocidade e outros camiñan, porque a resistencia tamén conta cando pasas dos 70 ou dos 80 anos.
"Fixen algo de todo".
"Andar, correr non. Que che vou dicir, camiño todos os días. A miña idade son 86 anos e camiño, si".
Son as Primeiras Olimpíadas Galegas do envellecemento saudable, en Chantada. Participa xente de toda Galicia e de todas as idades. Co lanzamento de peso poñen a proba a súa forza.
"Aínda temos forza, que somos novos. Estamos de luns a venres practicando todos os días".
"Volvemos repetir se nos chaman para outra vez".
E se preguntamos polo segredo da lonxevidade... A resposta é:
"Comer cousas naturais e vivir no rural".
"É unha festa da vida, da vida cara ao envellecemento saudable. Non podemos pensar na vellez cando temos 70-80 anos. Temos que pensar desde o principio coa educación na casa, nos colexios, todo", afirma José Ramón Martínez , vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía.
Un evento deportivo e lúdico para compartir experiencias. Baixo o lema" Todas as persoas contan, todas as idades suman", as actividades estiveron abertas desde os 6 anos sen límite de idade. A Ribeira Sacra e o parque de Eloísa Rivadulla acolleron estas Primeiras Olimpíadas Galegas de Envellecemento Saudable, no concello lugués de Chantada.
Belén Vázquez Caseiro, concelleira de Deportes de Chantada: "É potenciar un pouquiño que a xente que non practica habitualmente deporte, que o practique que é unha maneira de envellecemento saudable. que queremops chegar a vellos con saúde e con alegría"