A Xunta estenderá o Carné +65 aos galegos do exterior que visiten Galicia
Anunciouno a conselleira de Política Social nun encontro coa colectividade galega que reside en Montevideo
Máis de 900 establecementos de toda Galicia están adheridos a este programa, que ten por obxectivo favorecer o envellecemento activo e saudable
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou que a Xunta estenderá o Carné +65 aos galegos do exterior para que poidan desfrutar das súas vantaxes cando viaxen a Galicia.
A conselleira fixo este anuncio nun encontro coa colectividade galega que reside en Montevideo, onde estivo acompañada da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, no que puxo en valor a aposta do Gobierno galego por dar facilidades ás persoas maiores para que poidan elixir onde pasar esta etapa das súas vidas.
Fabiola García fixo fincapé na aposta da Xunta polo envellecemento activo, con programas como Benestar en Balnearios, as iniciativas deseñadas en colaboración coas universidades, as Aulas Sénior, o programa Xuntos polo Nadal.
En canto ao Carné +65, remarcou que na actualidade máis de 900 establecementos de toda Galicia están adheridos a este programa pioneiro do Executivo autonómico, que ten entre os seus obxectivos favorecer o envellecemento activo e saudable.
Nestes locais, as persoas maiores poden contar con vantaxes como descontos, ofertas ou promocións en diferentes produtos e servizos relacionados coa saúde e o benestar, así como o lecer e a restauración.
Este encontro contou coa participación, a través dun vídeo, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que enviou un afectuoso saúdo a toda a comunidade galega no país, á vez que lles agradeceu “ser os mellores embaixadores de Galicia no Uruguai”.
Na súa mensaxe, Rueda lembroulles que terán abertas as portas “da súa terra e da súa casa” para volver e contarán sempre co apoio do Goberno galego.