Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno que nos aclare cal vai ser a solución a esta invasión"

Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno que nos aclare cal vai ser a solución a esta invasión"

"Dous meses despois, non temos ningún tipo de información", di a conselleira de Política Social e Igualdade

"Galicia non ten capacidade residencial" para atender máis menores non acompañados, sostén García

G24.gal 22/09/2026 10:04

A Xunta de Galicia pídelle ao Goberno central que aclare que solución se lles vai dar aos menores estranxeiros non acompañados que nestes momentos están en Ceuta e que entraron tras o asalto á cidade autónoma do pasado 30 de xullo.

"Parécenos incrible que dous meses despois desta invasión non temos ningún tipo de información por parte do Goberno de España", dixo este martes a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, no informativo Bos días.

"O que estamos a recibir son informacións contraditorias por parte de membros do Goberno: o señor Pedro Sánchez dixo claramente que todos os menores non acompañados que están nestes momentos en Ceuta van voltar a Marrocos coas súas familias, e, en cambio, a súa ministra dinos que van ser repartidos polas comunidades autónomas", asegurou a conselleira.

"Pedímoslle ao Goberno de España que nos aclare que vai facer e cal vai ser a solución a esta invasión, porque o propio Pedro Sánchez dixo que se trataba dunha violación da integridade territorial", concluíu García.

E ante as acusacións da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, de "a Xunta pon escusas para non aplicar a solidariedade a solucionar o problema dos menores de Ceuta" a conselleira di que "a señora Pontón creo que está completamente errada porque a Galicia chegaron máis de 150 menores non acompañados, que están sendo atendidos sen ningún tipo de financiamento por parte do Goberno de España e oito menores van chegar esta mesma semana".

"Todos estes menores chegan tras unha repartición obrigatoria por parte do Goberno de España, imposto ás distintas comunidades autónomas, iso si, deixando fóra os seus socios de Goberno, como é o País Vasco e Cataluña", sinala Fabiola García.

E é que desde a Xunta defenden un modelo propio de atención aos menores incompatible con "estas reparticións obrigatorias".  "O que fixo o Goberno de España é rachar co sistema de protección integrador que tiñamos aquí en Galicia. Un sistema integrador con 80 centros pequeniños, repartidos por distintas vilas onde se mesturaban nenos galegos, con nenos de Ucraína, con nenos de Marrocos. En definitiva, ese é o sistema que queremos en Galicia e non ter que crear centros específicos".

E nesta sitación a conselleira de Política Social explica que "o que nos atopamos nestes momentos, e agora van volver chegar oito menores estranxeiros non acompañados, é que Galicia non ten capacidade residencial. Non temos máis prazas para acoller novos menores non acompañados, sen finaciamento do Goberno, e ter que crear novos centros".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade