O 9 de setembro comeza o prazo para pedir as axudas do Bono Concilia
Estas axudas da Xunta, dirixidas a familias galegas con fillos nacidos entre 2013 e 2022, aparecen publicadas este martes no Diario Oficial de Galicia
Permiten cubrir ata 500 euros en gastos de campamentos, ludotecas ou coidadores a domicilio
Arquivo
O Diario Oficial de Galicia publica este martes as bases para a concesión das axudas incluídas dentro do Bono Concilia Familia, que permite cubrir ata 500 euros en gastos xerados durante as vacacións escolares dos nenos e nenas galegas nacidas entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de dcembre de 2022.
A Xunta reserva unha partida de 2,66 millóns de euros para sufragar parte dos gastos pola contratación de campamentos, ludotecas ou coidadores a domicilio durante o período estival sempre que os proxenitores traballen.
O prazo de solicitudes abrirase o 9 de setembro e remata o 9 de outubro.
Avanzábao no Bos días a conselleira de Política Social, Fabiola García.
As axudas están destinadas ás unidades familiares con fillos de entre tres e 13 anos en que traballen ambos os proxenitores ou no caso de monoparentais.
As contías serán de 500 euros nos casos de contratación do servizo a domicilio e de 200 euros por neno cando se acuda a un servizo especializado cunha actividade de conciliación ou un campamento durante os períodos non lectivos.
A Consellería de Política Social exclúe das axudas do programa os campamentos organizados directa ou indirectamente polas administracións públicas, "xa que devanditos campamentos están financiados total ou parcialmente por orzamentos das diferentes administracións públicas, o que fai que nalgúns casos sexan gratuítos e noutros conten con prezos moi reducidos para as familias".
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta.