A próxima semana Rueda anunciará quen ocupará o posto de Fabiola García
A conselleira de Política Social deixará a Xunta para ocupar o número 2 na lista do PPdeG ao Congreso pola provincia da Coruña
O presidente da Xunta dixo que está satisfeito co seu goberno
A próxima semana, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dará a coñecer quen será a persoa que se poña á fronte da consellería de Política Social. Fabiola García ocupará o segundo posto da candidatura do PP ao Congreso pola provincia da Coruña.
"Fabiola foi unha magnifica conselleira que deixa moito traballo feito, pero tamén moitos proxectos nos que hai que seguir traballando. Intentaremos buscar unha persoa que estea á súa altura e, se pode ser, sempre hai que intentar que os que veñen despois melloren os que xa estaban", dixo Rueda.
O presidente da Xunta amosouse satisfeito co seu goberno, que, dixo, funciona ben:
"Este cambio, igual que pasou xa unha vez anterior, vén determinado porque Alberto Núñez Feijóo coñece a xente que xa traballaba con el e seguiu traballando comigo, e cre -e eu estou de acordo- que poden ser moi útiles e achegar moito nestes novos cometidos".