Arde un barco en Cee e o lume alcanza outra embarcación próxima
As tarefas de extinción prolongáronse durante varias horas debido á elevada presenza de materiais como fibra e plástico
Un pesqueiro ardeu por completo esta madrugada no porto de Brens, en Cee, e as lapas alcanzaron tamén unha segunda embarcación, que foi parcialmente afectada.
O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio arredor das 04:00 horas, tras recibir a chamada dun particular que alertaba de que un barco estaba ardendo no peirao. Segundo indicou, cría que non había ninguén no interior da embarcación.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da zona.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron que o lume tamén estaba afectando a unha segunda embarcación próxima. As dúas estaban amarradas moi preto, o cal facilitou a propagación das lapas.
As tarefas de extinción prolongáronse durante varias horas debido á elevada presenza de materiais como fibra e plástico e ao forte vento que dificultaba os traballos e reavivaba puntualmente o lume.
Finalmente, a primeira embarcación quedou calcinada por completo, mentres que a segunda sufriu danos na proa. O incendio está xa completamente extinguido e ambas as embarcacións seguen a flote.