Lugo celebra os 25 anos da descuberta da Domus do Mitreo
O museo universitario que alberga o xacemento acolle un foro con expertos chegados de distintos países de Europa
Descuberto hai 25 anos durante as obras da nova vicerreitoría de Lugo, foi o primeiro mitreo doméstico da Hispania romana do que se tivo constancia. De aí a enorme relevancia deste achado arqueolóxico, convertido en museo pola Universidade de Santiago. Trátase dun oratorio onde se rendía culto a Mitra, unha deidade pagá de orixe oriental, e que fora erixido na residencia dun centurión a comezos do século III.
"O ritual consiste na celebración dos misterios de Mitra xunto con festíns nos que se consome moito polo ou moito porco. Temos restos óseos en abundancia", destaca Jaime Alvar, catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III.
Para celebrar o aniversario da descuberta, o Museo da Domus do Mitreo organizou unha serie de actividades. Entre as principais figura un foro no que participan as máximas autoridades europeas no estudo dos mitreos en ambientes domésticos. Os resultados publicaranse nunha monografía que aspira a ser referente mundial na materia.
"Os mitreos suponse que reproducen o mito de Mitra. Reproducen un lugar coma unha cova, illado e escuro. Onde se adoitan atopar é en covas naturais ou no soto dunha 'domus'. Este mitreo está nunha 'domus' e no primeiro piso, o cal non é habitual", explica Dolores Dopico, directora do Museo Universitario Domus do Mitreo.
Con máis de 20.000 visitas no último ano, o museo funciona ademais como un lugar de encontro para as actividades culturais na cidade de Lugo.
