Xornada de portas abertas nos Museos Científicos Coruñeses
A entrada ao Aquarium, á Domus e á Casa das Ciencias é de balde polo Día Internacional dos Museos
A Coruña celebra o Día Internacional dos Museos abrindo de balde todos os espazos museísticos da rede municipal, incluídos os tres máis coñecidos, os dedicados á divulgación científica. Entre a Casa dos Peixes a Domus e a Casa das Ciencias sumaron o ano pasado case medio millón de visitantes.
A sala Nautilus alberga unha enorme piscina habitada polos peixes máis grandes do Aquarium Finisterrae. Son as especies que acaparan as miradas e causan máis asombro. Pero estes días todos buscan dúas pequenas quenllas, dous exemplares de musola pinta que acaban de incorporarse a este ecosistema atlántico, cunha adaptación, polo momento, positiva.
"Miramos sobre todo que se adapten ao medio con respecto aos outros animais, que non os vexan como unha posible presa, sobro todo sendo animais pequenos", expón o conservador do Aquarium Finisterrae, o biólogo Antonio Vilar.
Chegaron cedidos dentro dun programa europeo de conservación e cría en catividade desta especie de tiburón e son xa parte da familia do museo científico que esperta máis interese. A Casa dos Peixes, e tamén a Domus e a Casa das Ciencias, celebran o Día Internacional dos Museos abrindo de balde. É unha oportunidade moi agardada para deixarse sorprender polos museos máis interactivos da Coruña e para xogar coa ciencia.
"Mantemos esa capacidade fomentar o xogo a curiosidade. A interatividade é importante para nós e segue presente en cada nova proposta expositiva", explica Patricia Barciela, directora técnica da Domus.
Tamén é un día especial para as salas de exposicións e para outros museos, como o Arqueolóxico, que programou talleres, visitas guiadas e un concerto que pechará a xornada xa á noitiña.