O galeón Andalucía convida a coñecer a historia marítima española no porto de Vigo
É unha réplica exacta dun galeón que operaba a ruta comercial con América e as Filipinas entre os séculos XVI e XVIII
Este museo flotante estará aberto ao público na cidade olívica durante toda a fin de semana
Durante toda a fin de semana o galeón Andalucía está aberto ao público no porto de Vigo. Trátase unha réplica exacta dun navío español dos que operaban a ruta comercial de España a América e ás Filipinas entre os séculos XVI e XVIII. Esta impoñente embarcación fixo escala en Galicia dentro dunha xira por peiraos europeos antes de cruzar o Atlántico ao final de ano.
Esta réplica do galeón Manila foi construída en 2009 en Huelva. Desde entón viaxa a modo de museo flotante por portos de toda Europa e América. E cando non navega é o escenario de filmación. Pola fidelidade histórica e polo parecido cos navíos españois que facían do século XVI ao XVIII expedicións marítimas e de comercio entre España América e as Filipinas, ten un caché moi alto.
"Abrimos ao público como museo e entón imos compartindo a historia española desta época, dos galeóns, deste tipo de navíos e facemos un tour por toda Europa e á parte diso poden alugar o barco coa tripulación para gravar documentais, películas, anuncios...", conta a TVG Lupo Vázquez, xefe de loxística do galeón Andalucía.
"Exitoso case ao 100 %. Soamente o 7 % de todos os galeóns de Manila foron afundidos ou saqueados, e non sempre foron saqueados por ingleses senón que a maioría foron afundidos por tormentas. O máis exitoso da súa época, algo estreito pero si que sobrevivían", explica Luis López Vázquez, alumno de ponte.
A tripulación deste galeón é hoxe dunhas trinta persoas. Na súa época habería que sumarlle outros trinta encargados dos canóns. Ademais, hoxe non viven nas condicións do século XVI. Había problemas de hixiene, fame, escorbuto... ata que chegou a marmelada de laranxa, e unha enorme división por clases.
O público pode percorrer as seis cubertas, o salón e os apousentos do almirante, as despensas... todo reconstruído segundo os patróns reais da época.
Era un galeón de vangarda no seu momento con capacidade para levar ata 1.200 toneladas de carga e deseñado para cruzar a vela os grandes océanos coa máxima eficiencia.