Publicador de contidos

Publicador de contidos

Drons de Axega únense aos mergulladores na busca do mozo desaparecido no Miño

Drons de Axega únense aos mergulladores na busca do mozo desaparecido no Miño

Terceiro día de procura nun amplo operativo que dirixe a Garda Civil  

O curmán do desaparecido conseguiu poñerse a salvo e foi o que alertou do que acontecera  

G24.gal 01/04/2026 16:11

A Unidade Operativa de Drons (UOD) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) incorporouse este mércores aos traballos de procura do mozo desaparecido no río Miño tras envorcar o seu caiac, preto do encoro dos Peares.

Axega tamén puxo ao dispor do operativo, que dirixe a Garda Civil, o seu dron subacuático, que queda á espera de ser requirido en función das necesidades técnicas da busca, segundo recolle o 112 Galicia.

A deste mércores é a terceira xornada de procura deste operativo que principiou o luns. Ese día o curmán do mozo, que viaxaba con el, puido chegar a terra e pedir auxilio. Pasadas as 16.30 horas, un particular foi o que avisou ao 112.

Sairan en caiac do embarcadoiro dos Peares 

Segundo a información da Garda Civil, os mozos saíron en caiac do embarcadoiro dos Peares, remontaron o río e, cando volvían, sufriron o accidente. Un dos seus helicópteros localizou a embarcación o propio luns no marco dun operativo que explora unha zona que, segundo o 112, é "especialmente complexa" pola súa escarpada orografía.

Tras recibir o aviso, a central de emerxencias activou un amplo operativo que coordina a Garda Civil e para o que se deu aviso aos Bombeiros de Chantada, Monforte e Ourense; o GES de Ribadavia; Protección Civil de Parada de Sil, do Saviñao e de Monforte de Lemos, e persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias-061.

Ademais, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) foi informado por se fose necesario intervir para atender os familiares do desaparecido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade