En busca e captura a falsa médica que exerceu en clínicas e xeriátricos da Coruña e Lugo
A muller, de 31 anos de idade, leva case un ano en paradoiro descoñecido
Un xulgado de Lugo ditou unha orde de procura e captura e ingreso en prisión para a muller que se fixo pasar por médico na Coruña e Lugo, segundo detallou o TSXG.
A muller, de 31 anos, leva case un ano en paradoiro descoñecido, tras non acudir ao xuízo fixado en Lugo o pasado marzo. Atribúenselle delitos de intrusismo profesional e falsidade documental.
A acusada, que se enfronta a tres anos e medio de prisión, chegou a exercer como médica e a colexiarse na Coruña e Lugo entre 2019 e 2020 sen ter o título de Medicina.
A muller chegou a traballar unha clínica da Coruña e tamén nun centro xeriátrico na provincia de Lugo chegando a dar tratamentos e ata emitir certificados de defunción.
Segundo a acusación, elaboraría documentación falsa sobre a súa suposta titulación, ademais de facer o mesmo para solicitar a súa colexiación.