Detido un home acusado de asasinar a súa exparella a coiteladas na Coruña
A Policía Nacional investiga o crime ocorrido nunha vivenda da rúa Santo Isidoro ás 6:50 horas
O arrestado permanece na comisaría de Lonzas á espera de pasar a disposición xudicial
A muller presentara denuncias previas contra o agresor por violencia machista
A Policía Nacional detivo un home de 61 anos este domingo na Coruña acusado de matar a súa exparella a coiteladas nun domicilio da rúa Santo Isidoro, no barrio da Sagrada Familia.
A muller asasinada, de 49 anos, figuraba no Sistema de Seguimento Integral de casos de Violencia de Xénero (VioXén) tras presentar denuncias previas por violencia machista contra o suposto autor do crime.
Segundo fontes da investigación, pouco antes das sete da mañá o home avisou a un familiar de que agredira a vítima cunha arma branca e o parente alertou ao 112.
Ata o lugar desprazouse de inmediato persoal sanitario do 061, que non puido facer nada pola vítima, e axentes da Policía Nacional que detiveron o agresor.
O arrestado permanece na comisaría de Lonzas á espera de pasar a disposición xudicial a partir deste luns. O corpo da muller foi trasladado ao instituto anatómico forense para lle practicar a autopsia.
Denuncias previas
A Policía Nacional tenta determinar a relación entre o detido e a vítima na actualidade, aínda que ela xa presentara denuncias contra el por violencia machista.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero acaba de informar, a través da rede social X, que solicita datos "por presunta violencia de xénero dunha muller na provincia da Coruña", en referencia a este caso.
De se confirmaren como crime machista, sería o 1.308 na serie histórica, desde 2003, e o número 14 deste ano en España. En Galicia, elevaría a cifra global a 74 e sería o segundo deste ano.
Teléfono de atención ás vítimas
O teléfono 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es.
Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600 000 016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.
Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062).
No caso de non poder establecer comunicación telefónica, pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.